RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A Fundación RC Deportivo reactiva a Bancada Solidaria e o proxecto AsistiDÉ

Coa recuperación do 100% do aforo do Estadio ABANCA-RIAZOR, a Fundación RC Deportivo reactiva dous proxectos dentro do seu ámbito de traballo "Diversidade e inclusión" contribuíndo así aos ODS 10 e 17 da ONU respectivamente.

O primeiro deles é a Bancada Solidaria de ABANCA-RIAZOR, que dispón de 250 localidades que cada partido son destinadas a ONGs, institucións ou entidades benéficas que traballan pola integración social, educación, infancia, saúde e solidariedade na nosa comunidade. Hai que lembrar que, para solicitar entradas para a Bancada Solidaria, o protocolo está dispoñible no departamento de RSC do Club en: responsabilidadsocial@rcdeportivo.es ou no 981 259 500 (Extensión 1: Oficina de Atención ao Deportivista). Atendendo á política de transparencia e RSC do RC Deportivo e da súa Fundación, sempre se publican as entidades que fan uso da bancada solidaria.

Tamén regresa o proxecto AsistiDÉ da Fundación Real Club Deportivo e Cruz Vermella que facilita a persoas socias e afeccionadas do Dépor a accesibilidade ás actividades do Club, especialmente os partidos disputados no Estadio ABANCA-RIAZOR. A través deste servizo, Deportivistas con mobilidade reducida dispoñen de acompañamento gratuíto, grazas á participación de voluntarios de Cruz Vermella, até a súa localidade no estadio. Persoas maiores, socios con problemas de mobilidade e xente nova con diversidade funcional ou limitacións de mobilidade temporal que teñen dificultades para asistir aos partidos do Dépor téñeno, con AsistiDE, moito máis sinxelo. Ademais, para persoas socias con mobilidade reducida residentes dentro do Concello da Coruña tamén se facilita o traslado desde o seu domicilio.

Toda a información para a solicitude dos servizos de AsistiDÉ está dispoñible en: https://www.rcdeportivo.es/asistide