Galicia Sub-18, con tres deportivistas no once, non puido frear a Valencia
Cinco futbolistas do Deportivo ABANCA participaron esta fin de semana coa Selección Galega Sub-18 na 1ª Fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas.
Teresa Abelleira, Lía, Laura, Antía e Malena converteron ao cadro branquiazul no equipo que achegou máis xogadoras ao combinado galego, dirixido por Joaquín Javier Valbuena.
Na primeira xornada disputada onte ante o País Vasco foron titulares Malena, Laura, Teresa e Lía. Antía saltou ao céspede no minuto 70, en substitución de Inés Faro.
A vitoria foi contundente para as galegas (1-4), que hoxe domingo 17 de decembro tiveron outro duro test ante a Comunidade Valenciana.
Nesta ocasión, a vitoria caeu ao lado levantino (3-0), nun partido que rompeu na segunda metade. Xogaron o partido completo as branquiazuis Malena, Lía e Teresa. Pola súa banda, Antía saltou ao céspede na segunda metade, faltando algo menos de media hora para o final.
A mala noticia da fin de semana foron as molestias nun xeonllo que sufriu Laura Vázquez, obrigada a saír do terreo de xogo no minuto 67 do primeiro partido. A xogadora do Deportivo ABANCA será sometida a avaliación médica nos próximos días.
Os resultados de Galicia nesta fase, que acaba con 3 puntos, foron os seguintes:
Sábado 16 de decembro PAÍS VASCO 1 - GALICIA 4
Domingo 17 de decembro GALICIA 0 - COMUNIDADE VALENCIANA 3