RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Imanol Idiakez: Temos moi claro o camiño. Estamos centrados absolutamente en nós mesmos

Imanol Idiakez manifestou na sala de prensa do Estadio Pinilla que "temos moi claro o camiño. Estamos centrados absolutamente en nós mesmos, en dar nosa mellor versión cada semana, en preparar cada partido da mellor maneira. Cando xogas antes que os rivais gañar sempre é un pouquiño de presión pero non nos fixamos no que fagan os demais, fixámonos en nós. Hoxe demos outra vez un paso cara a adiante".

Subliñou nesta liña estar "satisfeito. Sabiamos da dificultade do partido e na primeira parte viuse. Non empezamos ben, concedemos o gol. Na primeira parte non estivemos cómodos no campo, como esperabamos. O CD Teruel está nun momento moi bo, expúxonos todas as dificultades posibles".

Márchase tamén de Teruel "moi contento pola reacción. Xa sei que cando ganas tanto seguido é moi difícil aprecialo pero é moi difícil gañar no fútbol de hoxe en día, neste nivel. E outra vitoria remontando, dándolle a volta a un partido complicado fóra de ABANCA-RIAZOR; e satisfeito porque demos outro pasiño cara a adiante".

O técnico deportivista explica que após o descanso "demos un pasiño todos. Había que axustar algunhas cousas, creo que as axustamos. Saímos ben na segunda parte. Ao final da primeira parte tivemos algunha dúbida coa súa formulación e custounos máis do normal. Na segunda os mozos interpretaron ben e saímos de inicio a polo partido. Estou contento pola mentalidade do equipo".

Apunta que "eles nos estaban expondo un rombo coas dúas puntas na nosa saída, estaba a custarnos moito enlazar, atopar. Atopamos un par de veces e a partir de aí a calidade da xente de arriba que temos fixo a diferenza".

Preguntado por Ximo Navarro, Imanol Idiakez afirmou que "notou unha cambra. Temos que esperar. Agora temos unha viaxe bastante longa en autobús, haberá que esperar a mañá ou pasado que baixe un pouquiño a inflamación para ver que é exactamente. Temos a esperanza de que non sexa nada grave, nada importante porque a estas alturas sería unha baixa importante".

E sobre Yeremay, que viu o seu quinto cartón amarelo, dixo que "lle provocaron un pouquiño e entrou. Pecados de mocidade. Tiñamos moita xente con cartóns e algún día tiña que caer. Non pasa nada. Hai outros compañeiros e estamos preparados para liquidar calquera baixa".