RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

José Luis Martí aconsella aos nenos da Escola RC Deportivo "divertirse, alimentarse ben e respectar ao compañeiro"

O adestrador do Deportivo, José Luis Martí, clausurou esta tarde o curso da Escola RC Deportivo, nas instalacións de Fútbol Indoor Coruña na Grela.

En total 30 nenos recibiron a visita do técnico branquiazul, que se someteu en primeiro lugar a unha improvisada rolda de prensa con todos eles sentados en semicírculo no centro do terreo de xogo.

Os nenos, coa visita deste domingo ao Real Mallorca tamén presente, interesáronse sobre todo polo estado físico de Álex Bergantiños, do que asegurou Martí que "non me deu tempo a contar todos os puntos que lle puxeron", e do resto de futbolistas: Somma, Pablo Marí... "Non vos preocupedes que xogaremos en Mallorca con 11, e os 11 son bos", resolveu o adestrador branquiazul.

Antes de pasar á firma de autógrafos en postais, camisetas e zapatillas; e da entrega protocolaria de diplomas, José Luis Martí despediuse de todos os nenos aconsellándolles "divertirse, alimentarse ben e respectar ao compañeiro".

A Fundación Real Club Deportivo puxo en marcha en xaneiro esta actividade que vai máis aló do concepto DéporCampus Cabreiroá que se desenvolve no verán, semana santa e Nadal. O seu principal obxectivo é complementar os adestramentos e a formación futbolística dos nenos e nenas da Coruña, de maneira individual, personalizada e atendendo ás necesidades de cada un.

Nela trabállanse contidos complementarios ao traballo que puidesen desenvolver nos seus clubs, no seu tempo libre e profúndase no coñecemento e adestramento do fútbol baixo a supervisión dos adestradores da canteira do Real Club Deportivo.

As familias de todos os nenos e nenas participantes recibirán nos próximos días no seu correo electrónico unha avaliación a cargo dos técnicos do RC Deportivo de cada alumno.

A actividade está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, cunha duración coincidente co curso escolar/temporada.

Toda a información da Escola RC Deportivo está dispoñible nesta ligazón.