RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz: Os xogadores xa se deron conta do que nos pide a categoría

Óscar Gilsanz subliñou en rolda de prensa que os xogadores fabrilistas "están moi metidos na competición, saben o que está a custar gañar cada semana, o que custa ter bos resultados, encadear bos resultados".

Nesta liña afirma que "levamos xa 28 xornadas e os xogadores xa se deron conta do que nos pide a categoría. En toda a semana ninguén falou nin de mirar arriba, nin de mirar abaixo. Todo o mundo está centrado no traballo e esa é a fortaleza que ten este grupo. O traballo que fai durante a semana é moi bo e nese sentido dános tranquilidade para seguir traballando e para pensar que o domingo temos outra oportunidade para demostrar o competitivos que podemos ser, que ese bo rendemento lévenos a sumar puntos sen pensar máis aló, que sería un erro. Un gol pode cambiar dous puntos arriba ou abaixo a perspectiva pero non nos pode cambiar a nós a perspectiva xeral".

Advirte que "non dá tempo a mirar cara arriba (na clasificación) ou cara abaixo. Onde temos que mirar é de fronte, ao seguinte partido, o UP Langreo o domingo (31 de marzo ás 13:00 en Abegondo, Youtube RC Deportivo)".

Cre o técnico fabrilista que esa "é a mellor maneira de pór o foco no importante, o partido desta semana. Despois a competición, que está moi equilibrada e moi igualada, o que provoca que a clasificación estea un pouco tola, virá despois dos resultados da xornada".

Así pois, insiste en que "o mellor para o equipo, para os xogadores é pór o foco sempre no seguinte partido, que neste caso é o UP Langreo".

Precisamente do conxunto asturiano lembra que "fixo unha primeira volta moi boa. É certo que tivo uns partidos (en Aranda de Duero e en casa co CD Covadonga) que non foi capaz de sacar bos resultados e non sumou puntos; pero nos dous últimos partidos, ante o Compos e co Ourense volveu ser ese equipo competitivo, capaz de manexar diferentes estruturas. Xoga con 2 puntas da mesma maneira que un 4-2-3-1; con xogadores importantes, algún mesmo ex fabrilista como Juan ou como Iago Novo, xogadores importantes na categoría".

Ademais, resalta Óscar Gilsanz que "á parte de ter bos futbolistas, ten un traballo detrás a nivel colectivo moi bo. Están quintos, levan case todo o ano metidos neses postos de play off. Veremos se somos capaces de pornos á súa altura a nivel competitivo, aproveitar as nosas armas e buscar 3 puntos que para nós serían importantes".