RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Traballo esta mañá baixo o diluvio para un Dépor que xa está a pensar na nosa seguinte final, a visita ao UE Cornellà

O Dépor comezou esta mañá a preparar a visita ao UE Cornellà prevista para este sábado 30 de marzo ás 16:00 na Cidade Deportiva Dani Jarque (FEF TV), correspondente á 30ª xornada en Primera Federación.

Germán Parreño, en rolda de prensa este mediodía, asegurou que o equipo está xa "pensando na nosa seguinte final ante un rival complicado nun sitio difícil porque están a gusto nese campo".

Baixo unha intensa choiva, Imanol Idiakez dispuxo dun quecemento con rondos de presión, un xogo de posición e un partido 11 contra 11.

Lucas Pérez é o único futbolista que está con adestramento personalizado. O gardameta branquiazul advirte que "temos un cadro moi longo, todos son moi competitivos. Hai xente que non está a gozar de minutos e merécellos porque adestran como animais. Queremos que todos estean ao 100% e que a enfermaría estea baleira. Estamos tranquilos porque todos adestran ao 100% e están preparadísimos para cando toque, sumar. Eu a Lucas véxoo optimista. Está con enerxía, dando pasos axigantados. Eu véxoo ben, son optimista".

A única ausencia foi a de David Mella, que regresa ao longo de hoxe mércores da concentración da selección española sub-19 en Eslovenia despois de selar a súa clasificación para a Fase Final do Campionato de Europa.

A Germán Parreño non lle preocupa que o canteirán fose titular nos 3 partidos do combinado nacional porque "mentalmente a el vénlle perfecto. Vai estar máis metido. Está con ganas. É novo, ten enerxía, ten físico, está a coidarse unha barbaridade. Está moi ben. Alégrame que estea tan ben; e virá cunha enerxía e unha alegría perfectas para axudarnos".

Mañá xoves,  Os Nosos adestraranse de novo en Abegondo a partir das 11:00 horas.