RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
RCDEPORTIVO

Datos sociais do Real Club Deportivo ao peche da Temporada 2017-2018

O peche da Temporada 2017-2018 deixa unha serie de datos destacados que revelan, un ano máis, o gran respaldo que sustenta ao Real Club Deportivo, personalizado especialmente nos seus socios. A 31 de maio de 2018, a masa social do Dépor alcanzou os 27.358, case 900 máis que a temporada anterior. Do total de abonados, 20.605 son homes, 5.398 mulleres, 1.113 carnés están a nome de empresas e 242 de peñas. Todos estes apartados, salvo o de socias que curiosamente son exactamente as mesmas que no curso 2016-2017, incrementaron as súas cifras con respecto ao pasado exercicio.

En canto ás altas de novos socios, a cifra chegou aos 3.817, unha das máis altas das últimas dúas décadas (a marca está na 2014/2015 con 5.591). Deles, 2.840 son homes, 758 mulleres, 182 empresas (case 60 máis que o ano anterior) e 37 peñas.

As novas tecnoloxías cumpriron a súa cuarta campaña como parte do sistema de renovación de abonos. Se no seu primeiro exercicio en vigor, 2.333 socios utilizaron a opción de renovar o seu carné vía internet, no segundo superouse ese número, alcanzando os 2.676, e no terceiro superouse por primeira vez, e amplamente, a barreira dos 3.000, con 3.526 renovacións, este curso supuxo un paso de xigante neste aspecto. Foron 4.237 socios os que renovaron o seu carné vía internet. Esta cifra supón un 18 % de abonados, case a quinta parte da masa social. E ademais, está moi preto de duplicar os números da primeira temporada de instauración deste sistema, a 2014-2015.

Unha ampla porcentaxe de socios do Real Club Deportivo benefíciase ademais de prezos máis alcanzables grazas ás bonificacións. As categorías bonificadas: maior de 65 anos (2.436 renovacións, 124 altas), desempregado/a (1.462 renovacións, 192 altas), sub-25 (3.112 renovacións, 756 altas), ADN Branquiazul (2.425 renovacións, 838 altas) e diversidade funcional (332 renovacións, 41 altas) xa suman case 11.000 abonados (11.718), un 42,8 % da masa social deportivista.

O maior número de socios por franxa de idade atópase nos 36 anos (525 abonados), seguido dos de 25 (494), 35 (491), 26 (486), 37 (475) e 41 (469).

Na bancada de Pavillón acumúlase o maior número de socios con pouco máis de 8.000 (8.097), case 5.000 máis que a bancada con menor número de abonados, Tribuna, con 3.198.

Segmentando máis cada unha das bancadas, Pavillón Superior converteuse na que conta cun maior número de socios: 4.171 (un 94,82 % da súa capacidade), por diante de Marathón Inferior, que ten 4.073 (97,88 %). A continuación sitúase Pavillón Inferior, con 3.926, pero cun 99,02 % da súa capacidade, a porcentaxe máis alta de ocupación de todos os sectores.

A importancia do Deportivo para A Coruña e a súa área de influencia representa un valor incalculable como se desprende da distribución de socios por concellos. Actualmente, 16.807 abonados do Deportivo (o 61,43 %) residen no municipio de coruñés, superando tamén o milleiro en concellos limítrofes como Oleiros (1.327), Culleredo (1.175) e Arteixo (1.004), e roldándoo en Cambre (918). Se sumamos toda a área metropolitana, que inclúe ademais Sada, Betanzos, Laracha, Bergondo e Carral, temos a 22.374 socios (o 81,78 %). O resto da provincia suma 3.408 socios (o 12,46 %).

Se ampliamos a análise máis aló dos límites da provincia, sobresaen os máis de mil abonados (1.049) que suman as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, e os 417 socios repartidos por toda a xeografía española, con especial mención para Madrid, onde residen 136 abonados, León e Barcelona con 41, e Asturias con 31.