RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

#ANosaHistoria: O Fabril estreábase 'en Primeira' hai hoxe 40 anos

Unha formación do Fabril 1977-1978: De pé, Oregui, Lito, José Luis, Juan Carlos, Barreiro e Castillo. Agachados: Varela Calviño, Lucho, Paco, Chicho e Amador.

O 24 de novembro, tal día como hoxe de 1977, hai exactamente 40 anos, o Fabril sentía como un equipo de Primeira División, ao disputar o encontro de volta da segunda rolda previa da Copa do Rei no estadio José Rico Pérez, en Alacante, fronte ao Hércules.

Son outros tempos. Os conxuntos filiais xogan a Copa. O Fabril milita por primeira vez nun lustro na Terceira División, aínda que é o primeiro ano de existencia dunha Segunda B dividida en só 2 grupos, co que continúa no cuarto chanzo do fútbol español. E o Hércules é un dos clásicos da máxima categoría, na que cumpre a súa cuarta campaña consecutiva (acabarían sendo oito, desde 1974 até 1982).

A primeira rolda emparella ao Fabril, curiosamente, cun rival de recente recordo, o Cacereño. Do mesmo xeito que na eliminatoria de ascenso a Segunda B da pasada temporada, o filial deportivista imponse ao conxunto estremeño: 1-0 en Riazor (gol de José Luis) e 1-1 no Príncipe Felipe (gol de Castro).

O sorteo da segunda rolda trae un duelo histórico. Por primeira vez na súa historia, na súa terceira participación no torneo do KO, o Fabril vaise medir en duelo oficial a un equipo de Primeira División. Os seus rivais anteriores foran Indautxu, Cacabelense, Mestalla (1969-1970), Candás e Avilés (1971-1972).

É o Hércules dos arxentinos. Do 'Pocho' Giuliano, de 'Cacho' Saccardi, do 'Perro' Castronovo, de Commisso, de Verde, de Charles, de Moyano. O Hércules do porteiro Deusto e dos lonxevos José Antonio, Baena e Aracil. E do 'Tigre' Barrios. É o 'Macho Hércules' que vén de vivir as tres mellores temporadas da súa historia da man de, precisamente, un ex adestrador do Fabril: Arsenio Iglesias.

Coa lenda deportivista no banco, os herculanos alcanzan a 5ª praza no curso 1974-1975, a 6ª no 1975-1976 e a 13ª no 1976-1977. Após o adeus do arteixán, Felipe Mesones asume a dirección técnica do conxunto alacantino.

O Fabril vén de celebrar un esperadísimo ascenso á Terceira División, que non cata desde 1972. E de dar o testemuño no banco ao mozo ferrolán José López, após a última temporada de Don Rodrigo García Vizoso impartindo maxisterio desde a banda.

O filial branquiazul congrega aquela temporada a numeroso público en cada partido en Riazor. O xogo vistoso que desprega o equipo é do agrado da afección coruñesa. Comeza a despuntar José Luis e, ao seu lado, dirixe o xogo de ataque o chileno Guillermo Muñoz, que reforza ao filial após recuperarse da gravísima lesión de xeonllo que lle impide xogar co primeiro equipo durante as dúas campañas anteriores. Ademais, esa aposta dá resultados, pois no seu retorno á categoría, o Fabril acabaría o campionato nunha fenomenal 6ª posición.

O 16 de novembro de 1977 dispútase o encontro de ida, en Riazor, que presenta media entrada, afluencia similar á de calquera partido do primeiro equipo neses tempos. O Fabril salta ao campo con Oregui; Varela Calviño, Lito, Chicho, Castillo; José Luis, Muñoz (Lucho), Juan Carlos (Lito II); Barreiro, Paco e Amador. O Hércules forma con Deusto; Commisso, Giuliano, Rivera, Quique; Baena, Saccardi (Aracil), Betzuen; Sancayetano, Juan e Verde. Imparte xustiza De Sosa Martín, máis coñecido como Jacinto de Sosa anos despois, na súa lonxeva faceta de comentarista arbitral nos carruseis radiofónicos.

O conxunto alacantino non dá opción ao Fabril, que cae por 0-3. Sancayetano bate nun tiro lonxano a Oregui, no minuto 19. Na segunda parte, Varela Calviño debe situarse baixo paus debido á fractura nasal de Oregui cando López xa realizara os dous cambios. Quedan aínda 17 minutos para o final. Co lateral de Carral na portería e con dez xogadores, o Hércules sentencia por medio de Betzuen (min. 75) e Juan (min. 83).

As crónicas falan dun Fabril superior, que pon en pé ao numeroso público que acode ao estadio. E tamén afirman que De Sosa Martín abandona Riazor reconvido e escoltado despois de birlar dous penaltis aos coruñeses. "Setenta minutos estivo o balón no noso poder. Creo que con sorte puidemos, mesmo, gañar", sentenza José López.

O Fabril desprázase a Alacante xa sen opcións de coarse na terceira rolda. Os fabrilistas viaxan, iso si, a vivir unha experiencia case irrepetible.

O Rico Pérez acolle o encontro de volta. Ás 9 da noite do xoves 24 de novembro de 1977, tal día como hoxe hai 40 anos, o Fabril salta por vez primeira na súa historia a un estadio de Primeira División con Joaquín; Lucho, Lito, Chicho, Castillo; José Luis, Lito II (Barallobre), Juan Carlos; Barreiro, Paco e Muñoz (Amador). Polo Hércules xogan Deusto; Commisso, Giuliano, Betzuen, Quique; Baena, Carcelén (Lattuada); Verde, Juan (Ferrer), Charles e Barrios. Outro clásico da arbitraxe española, Lamo Castillo (mundialista en 1982), dirixe o encontro.

O 4-0 final (3-0 ao descanso, con senllos dobretes de Juan e o 'Tigre' Barrios) é o de menos dado o marcador da ida e a vivencia para aquel grupo de novos futbolistas. Un grupo que aquela noite se asoma á elite do fútbol, e que, como lembran as crónicas, gáñase os aplausos dos afeccionados alacantinos polo seu bo xogo, entrega e ilusión.

Con todo, daquel cadro só José Luis Vara (10º máximo goleador da historia do Dépor con 79 tantos) gozou dun percorrido importante no profesionalismo. Varela Calviño foi un asiduo do primeiro equipo durante tres temporadas (36 partidos) ata que cambiou o fútbol polo atletismo. Paco xogou 25 encontros e marcou 1 gol co primeiro equipo. Chicho disputou un só encontro. E Castillo (6 partidos oficiais co Dépor) tivo unha brillante carreira como un dos pioneiros do fútbol sala en España.

Ao ano seguinte, o sorteo copeiro volvería deparar un emparellamento ante un equipo de Primeira División, o Salamanca. Con todo, a primeira vez do Fabril sempre será co Hércules.