RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSACANTEIRA

#ANosaHistoria: 25 anos do memorable debut do Fabril na Grela

O fabrilista Mourón posa ante a bancada do recentemente inaugurado A Grela 1 durante aquela temporada (Foto: Julio Mourón)

O 17 de xaneiro de 1993, hai hoxe 25 anos, o Fabril debutaba no campo da Grela 1, nun partido histórico por partida dobre, pois o segundo equipo branquiazul lograba aquela tarde, fronte ao Estradense, a maior goleada da súa historia desde que é filial deportivista: 9-1.

É a cuarta e última temporada de Paco Melo á fronte do segundo equipo branquiazul, que está de volta en Terceira despois da súa errada primeira experiencia na Segunda División B. É un Fabril que afronta unha profunda renovación. Do paso pola categoría de bronce unicamente continúan Ángel, Damil, César, Domingo, Grela, Míchel, Óscar Blanco e Braulio. Márchanse 'veteranos' como Julio Ares, Molinos (ambos ao Viveiro), Tito Ramallo (Bergantiños), Emiliano, Juanito (ambos ao Racing de Ferrol), Arturo Patiño (sobe ao primeiro equipo aínda que en novembro é cedido ao Lugo) ou Barral (Endesa As Pontes). E asoman a cabeza Álex (o porteiro xuvenil que vén de ser subcampión do mundo Sub-17 en 1991), Vilariño, Javi Fuentes (os tres procedentes do Xuvenil A), Lito (Bergantiños), Cascallar e, sobre todo, Viqueira e Marcos Vales, ambos aínda en idade xuvenil.

Ao 'novo' Fabril cústalle arrincar. Pecha a primeira volta nunha frouxa novena posición, con 19 puntos e 1 negativo, mercé a 7 vitorias, 5 empates e 7 derrotas. No último encontro dos partidos de ida, vence por 3-1 ao Caselas, nun choque no que consegue poñer fin á peor xeira sen anotar de toda a súa historia: nada menos que 7 partidos sen ver porta, nos que só suma 2 puntos de 14 posibles.

A visita do Estradense, ao que o Fabril batera por 0-2 na Baiuca no inicio ligueiro, abre a segunda volta. Os branquiazuis disputan o seu cuarto partido consecutivo como locais que ademais, debido ao mal estado do céspede de Riazor, é o cuarto encontro seguido nun cuarto campo distinto. Despois de recibir ao Carballiño (0-3) no García Hermanos de Betanzos, ao Bergantiños (0-2) no Municipal de Laracha e ao Caselas en Riazor, o Fabril vai disputar por primeira vez un partido nun campo no que xogará moito de agora en diante: o recentemente estreado A Grela 1.

O debut non pode ser máis exitoso. Malia comezar sendo dominado polo conxunto visitante, o Fabril adiántase na súa primeira oportunidade, por medio de Domingo (min. 11). Damil (min. 22), Marcos Vales (min. 26) e Nacho (min. 35) elevan o marcador a 4-0 após os primeiros 45 minutos.

Nacho amplía distancias no minuto inicial do segundo acto. Damil repite (min. 56), antes de que Luisito anote o único tanto visitante (min. 61). Na media hora final, Braulio (min. 65), Marcos Vales (min. 72) e Rivas (min. 84) redondean o marcador, elevándoo a un histórico 9-1, que iguala a marca do Fabril na súa era como filial único do Deportivo, desde 1964. Os branquiazuis derrotaran ao Lemos polo mesmo marcador na 13ª xornada do grupo 1º de Terceira División, o 17 de decembro de 1967, en Riazor, con tantos de Chapela (4), Miudo (3) e Seijas (2).

Paco Melo dispón da seguinte aliñación: Álex; Mourón, Damil, César, Vilariño; Marcos Vales, Domingo, Nacho, Grela (Jorge, min. 67); Óscar Blanco (Rivas, min. 46) e Braulio.

Após a histórica vitoria, o Fabril remonta o voo, até concluír o campionato con posibilidades de coarse na promoción de ascenso a Segunda B. A opción escápaselle na penúltima xornada, na que o Villalonga, cuarto clasificado, convértese en inalcanzable após vencer no derbi do Salnés ao Portonovo (1-0) e a derrota fabrilista en Riazor fronte ao Xove Lago (0-2).

O campo da Grela 1 foi inaugurado o 28 de xuño de 1992, coa disputa da final da categoría cadete do Trofeo Deputación de fútbol base, entre Pontevedra CF e RC Celta de Vigo. Cun terreo de xogo de 100 x 60 metros, foi un recinto pioneiro na tecnoloxía relativa ao céspede, pois os técnicos conseguiron que en 65 días pasase de ser unha leira a un terreo de xogo practicable. O 18 de maio de 1995 foi bautizado co nome de Rodrigo García Vizoso, en honra a unha das grandes lendas do fútbol coruñés e do RC Deportivo.

A Grela 1, que tamén foi campo de adestramento do primeiro equipo durante varias temporadas, acolleu 106 partidos (39 en Segunda B e 64 en Terceira e 3 de fase de ascenso a Segunda B) do filial deportivista, entre aquela histórica tarde de xaneiro de 1993 e 2003, ano da inauguración da Cidade Deportiva de Abegondo.