RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Óscar Gilsanz: Cada semana é unha oportunidade de demostrar a progresión dos xogadores, a progresión do equipo

Óscar Gilsanz pide afrontar "con naturalidade" os vaivéns na clasificación do grupo 1º de Segunda Federación e, ademais explica que "temos unha pequena vantaxe, que é que debemos, e así o facemos, de pór o foco tamén no traballo diario, na formación, en que o rendemento dos xogadores vaia sendo mellor cada día, non tanto na clasificación; pero os puntos, as vitorias, a clasificación tamén nos dá esa confianza para seguir mellorando".

Insiste "en pór o foco no rival que toca cada día, no partido que toca. Cada semana é unha oportunidade non só para sumar puntos, senón para demostrar a progresión dos xogadores, a progresión do equipo; e niso centrámonos".

O técnico do Fabril espera mañá sábado 23 de marzo ás 16:30 no Anexo ao Estadio José Zorrilla (Youtube Real Valladolid) ante o Real Valladolid Promesas  "un partido igualado, como son a maioría nesta categoría; contra un rival similar a nós en canto á súa estrutura, en canto ao concepto de equipo".

Advirte que o filial valisoletano ten "xogadores de moita calidade, de moito nivel e esperamos un partido igualado como os últimos que estamos a disputar e onde os puntos, conforme se achega o final de temporada, son máis caros".

Sen Kevin e con Martín Ochoa de regreso dunha lesión muscular lembra non obstante que "levamos un bo número de goles. Creo que somos o terceiro ou cuarto equipo máximo goleador da categoría. Agora coa ausencia de Kevin, temos a Mati Castillo, a Jorge, a entrada aos poucos de Martín. Temos solucións para esa posición. É algo que sempre nos preocupa pero independentemente de que faltase un xogador ou non. Sempre preocúpache que o equipo sexa capaz de xerar; unha vez que xera, que sexa capaz de materializar as ocasións que xera. E se lle damos a volta ao campo e miramos para atrás exactamente o mesmo. Preocúpache que non che xeren ocasións; ser un equipo que sexa capaz de, cando exerce unha presión alta, roubar. Son as preocupacións do día a día noso".

Preguntado por Baladía, Óscar Gilsanz apunta que "nunca é fácil chegar nunha situación da xanela do mes de xaneiro, co equipo xa funcionando. Incorporouse rapidamente, adaptouse moi ben, adaptouse moi ben ao vestiario. Estamos a traballar con el, está a darnos un bo nivel e nese sentido tratamos de aproveitar as condicións que ten e, como os demais, ir mellorando no que lle falta tamén".

E finalmente de Diego Gómez asegura o preparador fabrilista que "cada día está un pouco mellor, con máis confianza; e recuperando esas sensacións e ese bo nivel que mostrou no inicio de temporada, coa tranquilidade de saber que o traballo non só de Diego, senón o traballo do xogador e do equipo é bo e é progresivo sempre".