RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Valiosa vitoria do Fabril en Valladolid cun gol de Nájera no desconto nun partido con erros defensivos, penaltis e unha expulsión

Por terceira semana consecutiva o Fabril disputou un partido ante un rival directo en Segunda Federación, esta vez ante o Real Valladolid Promesas.

Os dous anteriores saldounos o filial deportivista con derrota en Vilalba (1-0) e con vitoria en Abegondo ante a RS Gimnástica de Torrelavega (1-0).

Fabril e Real Valladolid Promesas chegaban empatados a 33 puntos na clasificación: 10ª o filial deportivista por 11ª o valisoletano por mellor diferencia de goles.

E saíu por diante o conxunto de Óscar Gilsanz con 36 puntos após vencer (3-4) cun gol de Mario Nájera no desconto após un partido con erros defensivos, penaltis e unha expulsión.

Foron baixa esta tarde Álex Alfaro, sancionado ao cumprir 5 cartóns amarelos; David Vilán, cunha lesión na súa pantorrilla esquerda; e Rubén López, citado por Imanol Idiakez para o partido do Dépor en Majadahonda.

A maiores, Kevin Sánchez, máximo goleador do equipo, está concentrado coa selección española sub-19 en Eslovenia do mesmo xeito que David Mella.

Iso si, o filial recuperou a Martín Ochoa, superada a súa lesión muscular. O rioxano arrincou o choque no banco.

Pola súa banda, o conxunto valisoletano, que caeu goleado (4-1) a pasada semana en Ourense CF, saíu desde o minuto 1 a por o partido.

Así, Yago Paredes aproveitou un erro nun pase de Hugo Ríos para adiantar ao seu equipo. 

Lache evita o segundo ao arrebatar o balón no último momento a Pozo cando estaba só diante do porteiro fabrilista.

Após o saque de esquina consecuente Pozo centra á área e de novo Paredes fai valer o seu físico para cabecear lonxe do alcance de Hugo Ríos.

O partido púñase moi costa arriba para os fabrilistas co 2-0.

Aos 23 minutos, Chuki aproveita un inoportuno esvarón do seu defensor, plántase ao bordo da área do Fabril pero o seu disparo márchase lixeiramente á dereita da meta branquiazul (hoxe de amarelo).

O partido comezou a virar aos 37 minutos. Mati Castillo recibe na área pero é derrubado claramente por Tito, que ademais ve cartolina amarela na xogada.

O propio Mati Castillo encárgase de transformar a pena máxima cun lanzamento raso pegado ao poste dereito da meta de Fer Pérez.

Pouco despois, Tito agarra a Mati Castillo e ve o segundo cartón amarelo, circunstancia que condicionou o partido.

Todo parecía de cara ata que no tempo de desconto, Frimpong recibe de Chuki ao bordo da área, márchase de dous defensores e bate de novo a Hugo Ríos subindo o 3-1 ao marcador. O valisoletano fíxose dano ademais na acción do gol e foi relevado no descanso.

Con este xerro de auga fría finalizou a primeira parte marcada pola fraxilidade defensiva fabrilista.

Con superioridade numérica e con desvantaxe no marcador, Nájera releva ao central Puerto ao arrincar a segunda metade.

De todos os xeitos, a primeira ocasión foi para os casteláns. Pozo recibe na área pero o seu disparo atállao Hugo Ríos.

Responde Barba aos 51 minutos con balón desde a frontal que se marcha lixeiramente alto.

Foi o aviso para o gol de Jorge, que rematou de cabeza un saque de esquina. De novo o equipo de Óscar Gilsanz métese no partido.

Co Fabril xa roldando con frecuencia a área valisoletana, Diego Gómez recibe un balón en banda dereita e, na área, vaise do seu par que comete penalti.

O propio Diego Gómez marca enganando ao porteiro Fer Pérez.

Comezaba un novo partido de 30 minutos.

Non lle quixo perder de vista a portería rival o Valladolid Promesas, que inquietou a Hugo Ríos por mediación de Pozo e Verde.

Martín Ochoa, que regresaba despois dunha lesión muscular, releva a Mati Castillo na fronte de ataque deportivista. A punto estivo de marcar no minuto 83, case no primeiro balón que toca: controla co peito no segundo pau e a súa volea sácaa Fer Pérez cunha gran parada.

Si acertou Nájera no desconto, como sucedese en Zamora con David Vilán. O centrocampista rioxano recibiu de Thymos ao bordo da área e após burlar ao seu defensor sobe ao marcador o 3-4. Xa non houbo tempo para máis.

Os 3 puntos veñen para Abegondo, co que ademais se iguala o golaverage particular, sendo o xeneral favorable claramente ao Fabril.

O vindeiro domingo 31 ás 13:00 horas (Youtube RC Deportivo), o Fabril recibe en Abegondo á UP Langreo.

Real Valladolid Promesas: Fer Pérez, Íker Pérez (Koke, min. 77), Verde (Iago Parente, min. 85), Quintana, Frimpong (Jesús Martínez, min. 46), Chuki, Pozo, Tito, Yago Paredes (Dani Fernández, min. 63), Xavi Moreno (Raúl Chasco, min. 63) e Ortuño

Fabril: Hugo Ríos, Lache, Pereira, Puerto (Nájera, min. 46), Marotías (Baladía, min. 77), Brais Val, Barba (Mardones, min. 90), Jairo, Diego Gómez, Mati Castillo (Martín Ochoa, min. 77) e Jorge (Thymos, min. 69).

Goles: 1-0 Yago Peredes (min. 7); 2-0 Yago Paredes (min. 13); 2-1 Mati Castillo (min. 39); 3-1 Frimpong (min. 45+1); 3-2 Jorge (min. 52); 3-3 Diego Gómez (min. 64); 3-4 Nájera (min. 90+3)

Árbitro: Ángel Caro Mogío, do comité estremeño. Amoestou a Yago Paredes (min. 17), Diego Gómez (min. 28), Tito (min. 38 e min. 44), Álex Pereira (min. 57), Marotías (min. 76), Jesús Martínez (min. 78) e Xavier Moreno (min. 80)

Incidencias: partido correspondente á 28ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado no Anexo ao Estadio José Zorrilla.