RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
FABRIL

Un Fabril cunha boa versión defensiva dobrega á RS Gimnástica na primeira final pola permanencia

O Fabril entrou na fase decisiva da temporada cun triunfo (1-0) esta tarde en Abegondo ante a RS Gimnástica de Torrelavega, en choque da 27ª xornada. "Gañamos un partido contra un rival que ten moitas armas para facer dano", subliñou un satisfeito Óscar Gilsanz na sala de prensa após o partido.

Desta forma, o filial arrincou con éxito unha serie de encontros ante rivais directos, posto que no horizonte aparecen Real Valladolid Promesas, UP Langreo, CD Cayón e Coruxo FC.

De feito, Fran Martín, adestrador do conxunto cántabro, cre que "todo vai estar igualadísimo. Até as últimas 3 xornadas non se vai a dilucidar o que vai pasar. Ganas un partido e estás arriba, perdes e estás abaixo. Vai ser todo moi duro, todos os partidos van ser finais. Vai haber moitas sorpresas. Os equipos de abaixo están a puntuar cos equipos de arriba. Hai máxima igualdade. Todos os partidos van ser importantes e non se poden dar ningún punto por perdido".

Con este resultado, o Fabril é 10º na táboa con 33 puntos.

O filial contou coa baixa de Martín Ochoa nunha semana na que tanto o dianteiro rioxano como Diego Gómez selaron a súa renovación polo Dépor até 2028.

"Segue recuperándose dunha molestia muscular co cal está na última fase, pero un pouco verde. Está a adestrar a bo ritmo cos Servizos de Readaptación do Club. É unha situación difícil para un xogador que sae dunha operación. Esas molestias musculares fanche parar un par de semanas", subliñou Óscar Gilsanz na previa do choque.

Si foi titular Rubén López, após non xogar co primeiro equipo onte en ABANCA-RIAZOR ante a CE Sabadell FC.

O internacional Kevin Sánchez, que após o partido viaxa á concentración da selección española sub-19 acompañado polo tamén deportivista David Mella, foi tamén da partida. O seu concurso foi decisivo de novo.

A RS Gimnástica presentábase en Abegondo co reforzo anímico que supón sempre derrotar ao Ourense CF (2-1), un dos aspirantes ao ascenso.

O primeiro tempo foi moi igualado, con escasas opcións de gol nas dúas porterías.

A máis clara do Fabril chegou no minuto 27. Nunha rápida transición, Diego Gómez cede a Nájera que, só ante a meta Dani Sotres, dispara fóra.

Após o paso polos vestiarios, Kevin Sánchez rompe o partido no minuto 53.

A xogada arrinca no lateral dereito fabrilista, Lache, que mete un balón longo que a defensa cántabra despexa en curto. O balón cae a Nájera que filtra entre liñas a Kevin, e este non perdoa no man a man con Sotres. É o seu 8º tanto esta temporada.

"O gol veu dun desmarque ás costas e un man a man co porteiro", describiu o técnico deportivista ante os medios de comunicación.

A Gimnástica responde rápido cun gol anulado por fóra de xogo a Alberto Gómez, após unha bonita triangulación ao bordo da área.

Con vantaxe no marcador, os fabrilistas optaron por pechar espazos e esperar unha contra para sentenciar o choque.

"Estivemos moi acertados nos duelos defensivos. Nalgún momento no que o rival nos apertou estivemos efectivos. O partido pasaba por ser capaces de defender o xogo directo da RS Gimnástica e atacar os espazos", comentou Óscar Gilsanz.

De feito, o equipo cántabro deu un paso adiante e, segundo explicou o preparador fabrilista, "empezou na nosa banda esquerda con Saúl a facer situacións dun contra un. Atrasou moito ao seu lateral coa saída de 3 que xa o fixo na primeira parte. Iso obrigaba a Nájera a estar moi lonxe de Baladía, por tanto das axudas. Decidimos cambios nesa banda (entrada de Mardones) para poder defender esa profundidade que a Gimnástica ten con Saúl. O tempo que tardamos o rival deu ese paso adiante".

Tentouno de lonxe Edu Bedía pero o seu disparo foise desviado por moi pouco á esquerda da portería de Hugo Ríos. Corría o minuto 80.

Coa entrada de Barba, Alfaro e Mati Castillo "estabilizámonos un pouco e fomos capaces de non sufrir tanto como parecía cando estabamos no minuto 15 ou 20 da segunda parte", concluíu Óscar Gilsanz.

Os minutos finais deixaron unha ocasión dobre para Mati Castillo e Diego Gómez noutro balón ás costas da defensa da Gimnástica. Entre Sotres e a zaga evitaron o tanto da sentenza definitiva.

O vindeiro sábado 23 de abril, a Fabril visita ao Real Valladolid Promesas.

Fabril: Hugo Ríos, Lache, Álex Pereira, Puerto, Baladía (Mardones, min. 71), Brais Val, Rubén López, Jairo (Barba, min. 83), Nájera (Alfaro, min. 71), Diego Gómez e Kevin (Mati Castillo, min. 83).

RS Gimnastica de Torrelavega: Dani Sotres, Rasines (Marcos Fernández, min. 70), M. Gándara, Goñi (Lavsamba, min. 83), Pol Bassa, Josemi C. (Unai, min. 74), Alberto G., Saúl (Edu Bedía, min. 74), Basurto (Chus Ruiz, min. 83), Tobar e Javi Delgado.

Goles: 1-0 Kevin (min. 53)

Árbitro: Omar Álvarez Rodríguez, do comité castelán-leonés. Amoestou a Lache (min. 14), Gándara (min. 46), Alfaro (min. 80) e Unai (min. 90)

Incidencias: partido correspondente á 27ª xornada do grupo 1º de Segunda Federación disputado en Abegondo

GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK